Descubre Arzúa

Historia

O crecemento de Arzúa como vila produciuse no século XI ao abeiro da ruta de peregrinación, pero distintos restos arqueolóxicos e documentos demostran que o seu nacemento como núcleo poboacional e a súa importancia son moi anteriores ao Medievo. Plinio, no século I a.C., fala dos Cáporos, poboadores do interfluvio Tambre-Ulla de Arzúa, no século II da nosa era. Ptolomeo menciona na súa Xeografía o lugar de Araduca, poboado por galaicos brácaros, o que algúns estudosos identifican como a cidade celta de Arzúa. Tamén Antonino Caracalla, no seu Itinerario, menciona esta vila e a mansión de Brevis.

No Códice Calixtino cítase a parroquia arzuá de Castañeda (Castaniolla), lugar no que se atopaban os fornos de cal para a construción da catedral compostelá, pero ademais, nese mesmo documento, fálase de Vilanova, nome co que naquela época se designaba a vila de Arzúa.
Durante o período de maior efervescencia xacobea, Arzúa converteuse en señorío do Arcebispado Compostelán, que lle concedía foros e dereitos que administraba directamente o municipio arzuán. A mediados do século XIV, a vila foi amurallada, tal como pódese observar nos antigos foros, “por privilexio que ouvieron de los arzobispos Don Beringuel e Don Pedro para faser la cerquia”.

Arzúa tivo unha gran importancia durante as loitas entre liberais e realistas no século XIX. No seu territorio leváronse a cabo diversas accións, desde 1822, con ánimo de restaurar o absolutismo monárquico. Neste sentido, os principais activistas foron os Voluntarios Realistas da Mota, capitaneados desde Guntín (Lugo) por Xosé Ramos. Nese mesmo período, a vila foi o escenario no que o cura Santiago Pastoriza pronunciou o seu sermón na bendición da bandeira dos Voluntarios Realistas (1831). Logo daquel fito realista, os constitucionais derrubaron a torre da antiga igrexa e asasinaron, preto de Boimorto, a Antonio López, xefe dos carlistas.

CULTURA

Tenda Museo do Coiro
Fábrica e tenda de obxectos confeccionados en coiro, que ademais funciona como museo; inaugurado como tal en decembro de 2002.

Museo Etnográfico A Paínza
Situado na casa principal, dentro do conxunto de turismo rural A Paínza, de vivendas en antigas casas de caseiros, construídas en 1780. Iniciou a súa actividade no ano 2001.

Centro de divulgación do queixo e do mel.
O centro naceu co fin de potenciar e poñer en valor dous produtos de especial significación da zona: o queixo e o mel.

Museo vivinte do mel. O Enredo do Abelleiro
Dispón de dous itinerarios de visita exterior e interior. Ten unha tenda de produtos alimenticios e cosmética. A través de paneis fotográficos, móstrase a vida das abellas e o oficio de apicultor. Tamén conta cun laboratorio e aula para conferencias. No exterior hai distintos tipos de apiarios, modernos e antigos. O Museo foi fundado en 1994 e nel realízanse obradoiros de apicultura, candeas e envasado para grupos. É necesario contactar previamente co museo para solicitar a visita.

Patrimonio

Arzúa ofrécelle ao visitante a posibilidade de coñecer a pegada que a cultura romana e, en especial, a cultura xacobea, deixaron no seu territorio. Polo terreo arzuán repártense multitude de capelas e igrexas nas que aínda se conserva parte da súa antiga fábrica románica e os retablos que ornamentan os seus altares proceden, polo menos, do século XVIII. En canto á arquitectura civil, Arzúa é tamén unha paisaxe rica en construcións típicas da zona: pazos, casas señoriales e –como non?– edificios destinados a pousada de peregrinos.

CAPELA DA MAGDALENA Pequena capela pertencente ao desaparecido convento de agostiños fundado no século XIV, foi reinaugurada como sala cultural no ano 2006. Destacan no seu interior dous sepulcros de estatuas xacentes.

CAPELA DE FONTE SANTA Construída no século XVIII, de planta rectangular e realizada con pedra de cascallo, é representación típica do templo rural galego. Ás augas que brotan xunto a ela atribúenselles propiedades mineiro-medicinais (sulfurosas e férreas) que desprenden un característico olor. Preto da capela sitúanse os muíños e o cruceiro.

PONTE E ÁREA RECREATIVA DE RIBADISO Conxunto dos séculos XIII- XIV, formado polo último hospital de peregrinos do Camiño francés e unha ponte de orixe medieval. Actualmente sitúase neste hospital o albergue público de peregrinos fundado en 1993. Conforma este lugar a área recreativa bañada polo río Iso, que conta con mesas e bancos para comer na carballeira.

CAPELA DA MOTA Capela do século XVIII- XIX, situada ao carón do Camiño do Norte, consta dunha carballeira e un cruceiro nas proximidades. Capela dedicada a San Bartolomé, San Mateo e San Simón.

CASTRO CURBÍN Castro situado a escasos 2 quilómetros do centro da vila, mostra un claro perfil circular que nos indicaría a existencia de murallas defensivas e un posible foxo.

FONTE DA QUENLLA Fonte de auga nas proximidades do Castro Curbín, cunha lenda asociada na que podemos ver a pervivencia dos cultos pagáns na tradición oral galega.